Mostrando entradas con la etiqueta Celso Emilio. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Celso Emilio. Mostrar todas las entradas

19 jun 2012

Long Night of Stone

Ler orixinal en Código Cero
 Continúan adiante as celebracións do centenario do nacemento do noso escritor Celso Emilio Ferreiro, de xeito complementario á exposición interactiva itinerante ou á actividade da páxina web dedicada ao autor de Longa Noite de Pedra. Ou mesmo ao concurso fotográfico para móbiles posto en marcha na súa vila natal, en Celanova. Pois ben, agora toca falar da tradución ao inglés da dita obra (agora Long Night of Stone) e que podemos ver en Portico of Galician Literature, unha xanela na Rede para a literatura galega traducida ao inglés cuxos obxectivos foron avanzados este martes.
Nela, ademais de todo tipo de datos e referencias ás obras de Celso Emilio, vaise dar acubillo a información biográfica, sinopses e fragmentos dunha boa escolma das nosas autoras e autores. O obxectivo deste portal é impulsar a proxección exterior do noso patrimonio literario. A web vén da man da Secretaría Xeral de Cultura e será presentada despois do verán, malia que está en marcha, acubillando material. A idea é permitir que vaia “medrando de xeito progresivo co fin de se converter no referente da literatura galega para o mundo anglófono e, en xeral, para a proxección internacional da literatura galega”, sinala o dito departamento autonómico. O portal xa está accesible no sitio web www.galicianliterature.com.

4 ene 2012

2012 Centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro

Este ano 2012 estará dedicado á celebración do centenario do nacemento de
Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912 - Vigo, 1979)
Na barra lateral tedes un enlace permanente á páxina oficial onde atoparedes información completa e detallada. Tamén podedes consultar o enlace do site de Lingua galega e Literatura




        IRMAUS

Camiñan ao meu rente moitos homes.
Non os coñezo. Sonme estranos.
Pero tí, que te alcontras alá lonxe,
máis alá dos desertos e dos lagos,
máis alá das sabanas e das illas,
coma un irmáu che falo.
Si é túa a miña noite,
si choran os meus ollos o teu pranto,
si os nosos berros son igoales,
coma un irmáu che falo.
Anque as nosas palabras sean distintas,
e ti negro i eu branco,
si temos semellantes as feridas,
coma un irmáu che falo.
Por enriba de tódalas fronteiras,
por enriba de muros e valados,
si os nosos soños son igoales,
coma un irmáu che falo.
Común temos a patria,
común a loita, ambos.
A miña mau che dou,
coma un irmáu che falo.
 (Longa noite de pedra, 1962)