29 oct 2010

Concurso de relatos científicos, A ciencia que conta

 Mañá,  30 de outubro,  remata o prazo.
imaxe
Por terceiro ano, os profesores do proxecto A ciencia que conta, da Universidade de Vigo, celebran o certame de contos do mesmo nome para promover dúas cousas ben complementarias: o espírito investigador entre a nosa mocidade e o emprego do galego acompañando ese espírito investigador. Trátase do Concurso de Relatos Ciencia que Conta, convocatoria literario-científica que xorde ao abeiro dun terceiro obxectivo a engadir aos devanditos: contribuír a concienciar ao conxunto da sociedade galega sobre a importancia da investigación no noso desenvolvemento económico e na procura dun meirande benestar social.
Segundo apuntan os organizadores, para participar no concurso é preciso achegar unha peza literaria breve que poña en valor a importancia da ciencia, ben nun eido xenérico ou a través de exemplos específicos. O certame diríxese á comunidade escolar do noso país, tanto o alumnado como o profesorado, e non só a ligada ás ciencias.
A intención é achegar o espírito de desenvolvemento tecnolóxico a outros ámbitos non habituais. O prazo para o envío dos traballos remata este 30 de outubro. Segundo indica a organización, o premio para o relato máis salientable dos presentados en cada categoría consistirá nun ordenador ultraportátil.
Fonte. Código Cero

No hay comentarios:

Publicar un comentario