3 nov 2010

Día da ciencia en galego ( e seguimos)

 O Día da Ciencia en Galego segue sendo noticia nos medios de comunicación serios, velaí unha de hoxe mesmo.
A celebración deste xoves 4 de novembro, o Día da Ciencia en Galego, non para de recibir apoios. Así nolo contan os convocantes principais da xornada, un colectivo de mestres e divulgadores (Pedro Gerpe, Román Cerqueiro, Luísa Segade, Paulino Estévez e Manuel Díaz Regueiro) preocupados por afianzar a nosa lingua en tódolos ámbitos da investigación e o coñecemento, ámbitos fundamentais para permitir a desvinculación do noso idioma co concepto de “lingua para figurar”.
Deste xeito, aos apoios citados hai uns días en Código Cero cómpre engadir os de AGAPEMA, ENCIGA, APETEGA, IGACIENCIA, SGAPEIO, o CIG-Ensino, STEG, Nova Escola Galega, AS-PG, Normalización Lingüística da Deputación de A Coruña, Prolingua ou Museos Científicos Coruñeses (=mc2) , entre outras moitas asociacións e entidades de diversa índole.
Entre os grandes obxectivos da xornada (que nesta convocatoria diríxese a conmemorar as figuras de Ramón María Aller, James Clerk Maxwell e Afonso X) figura o de lograr que os centros educativos galegos participen na celebración con actividades divulgativas variadas e, tamén, cunha acción concreta de festa científica: a construción colectiva de papaventos acompañada dunha explicación sobre a súa historia e funcionamento. A web de Igaciencia inclúe xa a listaxe de centros onde se desenvolven actividades.
Os tres homenaxeados deste ano son Ramón Aller (o noso Astrónomo de Lalín), Afonso X (O Rei das Cantigas e da Escola de Tradutores de Toledo) e James Clerk Maxwell (as ecuacións do electromagnetismo). Por certo que os tres teñen un cráter na Lúa dedicado. Dase a circunstancia de que estas actividades coinciden en boa medida coa Semana da Ciencia, cousa que a organización pretende aproveitar en beneficio de ámbalas dúas celebracións, e máis se temos en conta que unha porcentaxe importante das propostas da Semana da Ciencia tamén recoñece as vantaxes de facer investigación na nosa lingua.

Fonte: Código Cero ,  onde tamén podes descargar o último número en PDF

No hay comentarios:

Publicar un comentario