25 feb 2011

Galego e TIC

imaxe

Non é unha mala nova...

Presentan a localización ao galego das principais aplicacións informáticas de Microsoft

pero...

Co gallo da presentación do programa Vive en galego da Secretaría Xeral de Política Lingüística con Microsoft, a comunidade galega de Software Libre (concretamente o Proxecto Trasno, MeliSA, Inestable.org, O Zulo, Galite, AGNIX e GALPon) acordou un comunicado para dar a coñecer o seu parecer a este respecto que reproducimos a continuación:
Dende a comunidade de software libre galega queremos expresar as nosas inquedanzas e o malestar que nos produce a reedición dos acordos entre o goberno galego, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria, e a empresa Microsoft. A SXPL disponse a anunciar a dispoñibilidade dos produtos privativos desta empresa na nosa lingua galega e faino por medio dunha campaña que deu en chamar «Vive en galego».
Lonxe de nos alegrar a nova, preocúpanos que de novo un organismo público poida estar favorecendo a unha empresa que reiteradamente foi condenada pola Unión Europea por abuso da súa posición dominante no sector e que ten uns ingresos netos anuais da orde de miles de millóns de euros. Descoñecemos os detalles económicos da colaboración entre a SXPL e Microsoft mais sospeitamos de que existe un apoio financeiro ou unha contrapartida que beneficia á dita empresa. Por iso demandamos que se fagan totalmente públicos os acordos acadados entre as dúas partes para que cada contribuínte galego saiba en que medida os seus impostos van destinados a favorecer a Microsoft.
Estamos convencidos de que os dous millóns e medio de galegos son un motivo suficiente para que unha empresa cos beneficios netos de Microsoft financie autonomamente a localización dos seus produtos en galego sen precisaren de apoio institucional ningún. Sería verdadeiramente lamentable coñecer que se malgastan fondos públicos neste tipo de colaboracións.
Se os houber, eses recursos públicos irían mellor empregados na promoción do sector do software libre galego, que xa fornece dende hai máis de dez anos produtos de alta calidade totalmente galeguizados. Apoiar ao tecido do software libre galego permitiría dar un pulo a un sector TIC propio e puxante que xeraría aínda máis recursos e empregos na nosa comunidade do que xa o fai actualmente. Mais lonxe disto o goberno ignora o seu discurso de austeridade e parece disposto a favorecer a grandes empresas estranxeiras que non só deixan beneficios fóra do noso territorio senón que se opoñen frontalmente ao software libre, violan os principios de libre competitividade e néganse á adaptación aos estándares internacionais dos formatos.
Na comunidade galega de software libre fomos quen, co moi escaso apoio institucional prestado durante todos estes anos, de conseguir verdadeiros fitos grazas ao esforzo individual de cada voluntario que altruistamente e anonimamente prestaron e prestan o seu tempo e dedicación ao desenvolvemento, galeguización e difusión de software libre. Grazas a este esforzo colectivo hoxe cada galega e galego ten á súa disposición solucións informáticas completas e de calidade na súa lingua, coa seguridade de que as poden obter libremente sen restricións de ningún tipo. Nós xa vivimos en galego tamén as novas tecnoloxías. (consulta texto orixinal)

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario