Aínda que no noso centro o celebremos o día 11, estamos ao tanto.
Fonte da información: Código Cero
O vindeiro venres, 4 de novembro, celébrase no noso país o II Día da Ciencia en Galego, unha celebración que ten como obxectivo promover o uso cotián da nosa lingua en todos os ámbitos da sociedade, incluído o da investigación e a ciencia, e non limitarse ao seu emprego literario ou para a reflexión lingüística, como vén sendo habitual.
Xa que logo, os Servizos de Normalización Lingüística das tres universidades galegas, coa colaboración desinteresada de destacadas personalidades do noso país, veñen de estrear a campaña, En galego tamén se fai ciencia, que inclúe unha serie de actividades abertas a tódalas persoas interesadas, que van dende exposicións e charlas ata reparto de vocabularios específicos ou visitas guiadas polas instalacións relacionadas coa ciencia nos centros universitarios.
Porén, como todo evento significativo que se prece, este ano non podía faltar a extensión desta celebración tamén pola Rede, e a isto contribuíu a Coordinadora Galega de ENDL (Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística), que creou o evento Popularizar o tema #cienciaengalego na Rede.
O obxectivo desta campaña en liña é posicionar o hashtag #cienciaengalego en Twitter, e por extensión na Rede, durante o venres 4 de novembro de 2011, o día oficial da celebración, para, segundo din, “mostrar á sociedade a idoneidade do desenvolvemento das materias científico-tecnolóxicas en galego”.
Con esta acción, a Cgendl pretende, entre outras cousas, expresar publicamente que as linguas se aprenden usándoas en tódolos contextos, incluídos os relacionados coa ciencia e a tecnoloxía, e expresar publicamente que todas as linguas son válidas para a expresión científica e tecnolóxica, algo que, nos tempos que corren debería darse por sentado.
A Cgendl insta ás persoas usuarias de Twitter que inclúan o hastag #cienciaengalego nos seus twits ao longo de todo o venres 4 novembro, e alén desta rede social, que divulguen a iniciativa nos seus sitios web persoais, nos dos centros de ensino ou nos perfís de todas cantas contas teñan en distintas redes sociais.
Asemade, recoméndanlle aos internautas interesados na promoción que publiquen todo canto material didáctico e artigos científicos teñan en galego, así como os da devandita campaña En galego tamén se fai ciencia, a disposición na súa web oficial.
Por último, instan á comunidade internauta a colgar o cartel da convocatoria do II Día da Ciencia en Galego (tamén a disposición de tódolos interesados na web oficial da celebración), a fin de estender a campaña a tódolos recunchos posibles.
No hay comentarios:
Publicar un comentario