Comunicado de Cuac FM sobre o concurso de licencias en FM
O pasado xoves, a Xunta de Galicia sacou a concurso todas as súas frecuencias dispoñibles para a FM (84). A convocatoria explicita que todas e cada unha delas serán destinadas a usos comerciais. De novo os medios comunitarios ficamos fora do acceso aos títulos habilitantes para emitir en frecuencia modulada, se ben nesta ocasión este feito reflicte unha maior gravidade en tanto que conculca o dereito establecido no artigo 4 da vixente Lei Xeral da Comunicación Audiovisual, ademais de incorrer en varios defectos materiais e formais.Coa convocatoria diste concurso esgótase o espectro radioeléctrico planificado. Non quedan frecuencias dispoñibles na Galiza.
Os efectos fácticos desta decisión terán graves consecuencias sobre as radios libres e comunitarias galegas, que unha vez máis quedarán indefensas, pese a ser consideradas pola lei un dereito de cidadanía.
No caso particular de Cuac FM, as súas emisións veranse severamente afectadas por unha emisora que sae a concurso en Ferrol cunha potencia radiada aparente de 4000 vatios no 103.2 da FM (lembremos que Cuac FM emite no 103.4).
Practicamente non quedan puntos utilizables no dial da Coruña, co que é bastante probable que perdamos en breve prazo a nosa capacidade ser recibidos por ondas, o que imposibilitaría completamente o noso proxecto social e comunitario.
Cuac FM tentou (e segue a intentar) hai meses e en dúas ocasións, concertar unha reunión cos máximos responsables da Xunta de Galicia na materia, co gallo de tratar de xeito previo á convocatoria do concurso os extremos que afectan ós medios comunitarios. Lamentablemente, e pese a facer as solicitudes por escrito e seguindo as canles procedementais oportunas, ate o día de hoxe non recibimos resposta. O noso colectivo desenvolverá canta acción estime pertinente para reivindicar os dereitos da cidadanía galega en materia de comunicación, en coordinación coas redes nacionais e internacionais ás que pertence. A comunicación é un dereito da persoa, e coma tal temos a obriga moral e o compromiso ético de defendela. Así o faremos.
A Coruña 11/4/2011
Actualización (13-4-2011): Radios libres perigan polo concurso FM da Xunta
No hay comentarios:
Publicar un comentario